O mércores 18 decembro 2024 realizamos a última reunión do Club de Lectura Larpacontos ESO deste ano 2024, moi contentos pola posibilidade da incorporación de dous novos membros no club, alumnos/as de 3º e 4º ESO. Medra así o club e teremos a posibilidade de enriquecer con diversidade, sumando ideas, proxectos, soños. O profesor de Lingua Galega, Diego Cousiñas, que forma parte do club de lectura, animou aos membros/as a participar en diferentes concursos literarios, xa que ademais da lectura, varias das persoas que forman parte do club teñen dotes creadores. Falamos tamén da posiblidade de instaurar o tempo de lecer dos mércores que non temos reunións do club de lectura como unha actividade paralela na que igualmente podemos utilizar a biblioteca escolar para realizar diferentes obradoiros ou xuntanzas, alternando actividades variadas. Falamos tamén dos avances das nosas lecturas, sobre todo daqueles que seguen a ler ou xa remataron o libro de O Xabaril Branco, de Tucho Calvo, e falamos da posibilidade de que este autor viñera ao noso centro a falar da súa obra. Outro punto do día foi decidir a vindeira lectura a realizar, e por votación saiu a saga Sword Art Online, do nipón Reki Kawahara. Pensando da proximidade das vacacións realizamos por último o empréstito de as novas lecturas Soy de pueblo: manual para sobrevivir en la ciudad, de Moderna de Pueblo; y El cuerpo de Cristo, de Bea Lema. Seguro que xa nas nosas casas e con máis tempo libre poderemos avanzar e disfrutar das nosas lecturas. Felices Festas e vémonos no 2025!!
miércoles, 18 de diciembre de 2024
lunes, 16 de diciembre de 2024
OBRADOIRO DECORACIÓN NADAL
Alumnado do Club de Lectura Larpacontos. Mércores 11 decembro 2024. Aproveitamos as nosas reunións alternativas do Clube de Lectura (os mércores que non temos reunión "oficial" do clube de lectura") para potenciar a nosa creatividade e gozar construíndo manualmente elementos de nadal que decorarán o bonito espazo da Biblioteca Castelao. Agradecemos a axuda da nosa profesora de galego, Rocío Prego, que foi quen organizou esta iniciativa de "obradoiro de decoración de nadal".
miércoles, 4 de diciembre de 2024
ESCRITURA CREATIVA E ILUSTRACIÓN
Aínda que as reunións "oficiais" do Club de Lectura Larpacontos ESO realízanse os mércores cada quince días, os rapaces/zas que forman parte do club decidiron reunirse igualmente os outros dous mércores do mes que quedan libre para utilizar este tempo de lecer para actividades relacionadas co club de lectura. Por unha banda temos a un grupo de rapazas que están facendo bocetos e ilustracións para utilizar na decoración dun armario que temos para os libros adquiridos polo Club de Lectura, e tamén para publicar na revista escolar que estase a elaborar en 1º da ESO. E por outra banda temos a dúas rapazas que adican este tempo á escritura creativa, redactando (tanto de maneira manual con bolígrafo e papel como de maneira dixital cun procesador de textos) diferentes historias que posiblemente vexan a luz nesa revista escolar Teen Side que sairá a final de curso. Parabéns a estas persoas por desenvolver estas actividades tan enriquecedoras. A escritura creativa e a ilustración, integradas na educación, potencian a imaxinación, a expresión escrita e oral, e o pensamento crítico dos estudantes. A combinación de ambas as disciplinas permite aos alumnos conectar coa aprendizaxe dunha forma máis lúdica e significativa, fomentando a creación de historias e a exploración de diferentes formas de expresión
CUARTA REUNIÓN CLUB DE LECTURA LARPACONTOS ESO. CURSO 2024-2025
A cuarta reunión do Club de Lectura Larpacontos da ESO levouse a cabo o mércores 4 de decembro 2024, nesta ocasión contando coa incorporación dunha nova docente (sendo agora catro os/as profesores/as que se animan a participar nesta iniciativa). Foi unha reunión moi aninada e dinámica, centrada principalmente no libro O Xabaril Branco (do autor Tucho Calvo coas ilustracións de Miguelanxo Prado), obra que está tendo éxito entre os lectores e que ademais serve para iniciarse na lectura en galego a algunha das alumnas que procede do estranxeiro. Os/as que xa están a ler este libro deron algunhas pinceladas (iso si, sen facer spoiler), sobre as aventuras de Tucho, un rapaz que inicia unha viaxe desde os Ancares ata Arxentina, onde coñecerá a muller da súa vida e presenciará a dureza da conquista das terras dos indios araucanos. Moi interesantes foron os comentarios de Diego Cousillas Novo, o profesor de lingua galega, que comparou este libro cos grandes clásicos da literatura (Jack London coa natureza máis salvaxe dos paraxes de Norteamérica ou Melville coa busca do leviatán).
E pensando xa na escolla das seguintes lecturas a efectuar no mes de decembro, os/as participantes do club votaron a súa preferencia en relación aos libros Moderna de Pueblo e Orgullo y Perjuicio, e tamén presentáronse as sagas de manga Sword art Online y Los 7 Pecados Capitales, para ir investigando e facer unha elección á volta das vacacións de Nadal. Na rolda de recomendacións saíron títulos como O que nunca che contaron, La tumba de las luciérnagas, Cuentos en verso para niños perversos, Cuánta Tierras necesita un Hombre, Una vida sin salud mental, entre outros. Paula Cadaveira, a profesora de CCSS, presentou o comic Tintín en el Congo, unha lectura recomentada para o alumnado de 4º ESO que está a abordar o colonialismo, comentando a polémica da reedición desta obra de Hergé. Cuerpo de Cristo, de Bea Lema, foi outro dos libros que se abordaron nesta reunión, xa que é unha obra que se están a ler os profesores/as integrantes do Club de Lectura e que chamou moito a atención tamén dos rapaces e rapazas, non so pola súa estética, senón pola temática.
A reunión foi tamén un espazo para promover entre o alumnado iniciativas vinculadas coa lectura e os libros, como é o concurso de recitado Concurso Rosalía Sempre Viva.