viernes, 9 de febrero de 2018

3ª Lectura: A nena de auga e o príncipe de lume, Xabier Docampo


A terceira lectura do club, facendo honor ao noso nome de Larpacontos, foi unha recompilación de contos: A nena de auga e o príncipe de lume, dun autor xa coñecido no club: Xabier Docampo.

Sobre o Autor


Xabier Docampo, falando da súa vida:
Nacín chairego e fillo de chairegos o 5 de abril de 1946 en Rábade (Lugo). Aos meus sete meses trasladámonos a Castro de Ribeiras de Lea, de alí era miña mai —meu pai de Xermar (Cospeito)—, onde fun por primeira vez á escola.
     Pasando por enriba da etapa máis interesante da miña vida, a infancia, no comezo da adolescencia a familia enteira trasladouse a vivir á Coruña onde estudiei o bacharelato e maxisterio, sen perder nunca o contacto coa Terra Cha a onde regresabamos en calquera oportunidade por curta que fose a estancia.
     Traballei como mestre en varios colexios e durante oito anos en Preescolar na Casa. Estiven sempre relacionado cos movementos de renovación pedagóxica.
     Pertencín ao Consello de Redacción da Revista Galega de Educación. Dei cursos a profesores e lin ponencias en congresos sobre a didáctica da lingua e a literatura, sobre a lectura e a súa implantación escolar e social, sobre a narración oral, a súa estructura, a súa influencia na literatura escrita e a súa utilización didáctica, tanto en Galicia coma fóra. Estas actividades de reflexión sobre da narración oral, a escritura e a lectura leváronme a participar como conferenciante en eventos sobre tales temas en América en diversas ocasións.
     Escribín libros de texto para a escola e textos de ensaio didáctico e pedagóxico.
     Fun actor e director de teatro. Traballei durante sete anos en Radio Nacional de España en Galicia como guionista e como director de programas de diverso tipo e formato. Tamén escribín e dirixín obras para vídeo e para televisión. Dei cursos a profesores sobre a utilización didáctica de ambos medios.
     Durante un tempo fixen diferentes actividades de narración oral en distintos lugares de Galicia e de fóra.
     Participei na creación da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (GALIX) na que pertencín durante cinco anos á súa xunta directiva, dous deles como presidente.
     Durante tres anos fun columnista semanal na prensa diaria.
     Polos meus libros déronme algúns premios:
     Premio "Feira do Libro de A Coruña, 1989", polo conxunto da obra narrativa.
     Premio "Emilia Pardo Bazán" do Ministerio de Educación.
     Premio "Rañolas 1994" á mellor obra de Literatura Infantil e Xuvenil en Galicia.
     "Premio Nacional de Literatura Infantil y Juvenil 1995".
     "Honourl List IBBY 1996".
     "The White Ravens 1997" de la Jugendbibliothek de Munich.
     Premio "Lecturas" da Asociación do Libro Infantil e Xuvenil de Galicia (GALIX) de 2004.
     "The White Ravens 2005" da Jugendbibliotethet de Munich.

Sobre a obra


¿Como se fai un conto? Primeiro tes que ter a quen llo contar e, logo inventalo.¿Ti cres que coa auga e o lume pode facerse un conto? Proba a ver se es capaz. Verás que non é tan fácil xuntar a auga e o lume. Esta nova edición de A nena de auga e o príncipe de lume,integramente correxida polo autor ofrece dous contos inéditos e presenta finais adicionais en cada un deles.Así mesmo, todas as ilustracións foron realizadas de novo para esta edición.

Opinións dos lectores


Pareceume un libro bonito e intrigante. O meu conto favorito é o do mando a distancia, gustaríame ter un mando coma ese.
Rubén
Pareceume bastante divertido e interesante. O meu conto favorito é A nena de auga e o príncipe de lume porque é una historia romántica e son as miñas historias favoritas.
Ariadna
Gustoume porque son contos curtos moi ben narrados. O meu favorito é o do cabalo de cartón porque recrea un mundo fantástico feito de papel xenial.
Daniel
Recopilación interesante de contos moi orixinais cheos de creatividade. Recoméndoo¡
Hugo