Mércores 25 de febreiro 2026. Divertido o formato epistolar en que derivou a reunión o día de hoxe. Falamos de lectura a través dunha crónica de viaxe, que compartimos convosco.
Texto Mgt Para Club Lectura.docx by veracruces
Mércores 25 de febreiro 2026. Divertido o formato epistolar en que derivou a reunión o día de hoxe. Falamos de lectura a través dunha crónica de viaxe, que compartimos convosco.
Texto Mgt Para Club Lectura.docx by veracruces
Deixamos a disposición non so dos membros/as do Clube de Lectura Larpacontos da ESO do CPI Virxe da Cela (Monfero, A Coruña), senón de toda a comunidade educativa, deste documento que contén as recomendacións lectoras propostas cada mes, e que serviron de base para a elección das lecturas efectuadas durante este curso. Algúns destes títulos xa formaban parte dos fondos do Clube de Lectura Larpacontos ESO, e outros se foron mercando durante estes meses. Podedes coñecer un pouco máis destes libros a través das portadas e das sinopses, e seguro este documento vos animará a mergullarvos na lectura durante as vacacións estivais.
Mércores 28 maio 2025. Hoxe é o último mércores do mes de maio, e iso implica que tamén é o último mércores do curso con tempo de lecer despois da hora de comer, xa que en xuño hai unha modificación do horario escolar. A reunión de hoxe foi a última, a de despedida, nun ambiente distendido e simplemente comentando e avaliando o noso paso por esta experiencia. Estamos todos e todas satisfeitos/as, e sabemos que queremos repetir para o curso que vén. E para aqueles/as que cursan 4º da ESO e están a piques de rematar a súa etapa educativa no CPI Virxe da Cela buscaremos algunha maneira para non perder o contacto e poder compartir o gusto pola lectura, aínda que sexa en formato online. De lembranza nos levamos un bonito chaveiro gravado co nome do noso clube de lectura, Larpacontos, un espazo non so para a lectura, senón para atopar persoas e crear conexións. Non vos esquezades pasar pola biblioteca no mes de xuño para elixir unha pila de libros para gozar nas vacacións de verán. Ata o vindeiro curso!!
Mércores 30 abril 2025. Quedan xa poucas semanas para rematar este curso escolar 2024-2025, por iso xa estamos estirando as reunións para falar de tantas cousas que non nos chega o tempo! Desta volta temos novidades para o Club de Lectura Larpacontos da ESO, e o lote de libros xa están en circulación!! Con moitas ganas os/as lectores sacaron en empréstito os libros que eles/as mesmos/as recomendaron: Desde as aventuras de rapazadas nunha illa a través das tan diferentes visións de Julio Verne cunha versión ilustrada de Dos años de vacaciones (colección "Inolvidables" de Molino) ou a distópica de William Golding con El Señor de las Moscas; pasando polo manga con novos libros da saga The Beginning after de End (manga TurtleMe / Fuyuki23, Norma editorial), o ben descubrindo o poder da música coa Melodía de la Magia de Violeta G.
Mércores 9 abril 2025. O tempo de reunión do Club de Lectura Larpacontos non nos chega a nada! Tratamos de comentar as lecturas e do que estas nos provocan, facer recomendacións, informar de axenda relacionada coa lectura e cos concurso literarios, relacionarnos, convivir, e cando nos damos conta o timbre está a sonar chamándonos de novo ás aulas... Ler gústanos, e falar das lecturas sábenos a pouco! Sobre todo cando se trata de falar de obras tan fermosas como o de Mapas Literarios do autor Huw Lewis-Jones, que contén de imaxes de gran beleza, incluíndo bosquexos inéditos dos autores, figuran mapas do mundo tal como víase na Idade Media, outros de clásicos da literatura e de historias moi apreciadas, e mapas de aventuras, ciencia ficción e fantasía...
Mércores 12 marzo 2024. Aproximándose a data de celebración do Día das Letras Galegas 2025, este ano adicada ás cantareiras, parte da reunión a utilizamos para comentar algún dos libros relacionados con esta temática que adquiriu o Club de Lectura Larpacontos neste curso. Promovemos a lectura e escoita do libro+cd Fuliada na Vila (Richi Casás, A Central Folque) aproveitando a visita do autor ao noso centro. Animamos ao alumnado a mergullarse na historia da tradición oral e as cantareiras a través da atractiva proposta Sei cantar e sei bailar, de (Eva Mejuto, Edicións Xerais), a disposición na biblioteca escolar e facilitando a simultaneidade na lectura ao mercar o clube de lectura varios exemplares.
Por outra banda realizamos unha escolla de libros tendo en conta as recomendacións que van facendo os/as membros do Club de Lectura, tendo en conta os seus gustos e preferencias. E xa que estamos a falar de música, animádesvos a ler La melodía de la magia, de Violeta G.?
Unha nova reunión do Club de Lecturas Larpacontos ESO levouse a cabo o mércores 19 febreiro de 2025, xuntándonos profesorado e alumnado para compartir as nosas inquedanzas sobre a lectura.
Abrimos a reunión facendo reconto de votos con respecto ás recomendacións lectoras deste mes, e así poder ir elexindo as novas adquisicións. Dimos paso a un pequeno espazo de debate a raíz da lectura do libro Historia de Sara, escrito por Francisco Castro e ilustrado por Luz Veloso, xa que trata un tema moi complexo e incluso tabú. Todos e todas estivemos dacordo en que gustounos moito a lectura do libro, a pesares da dureza do tema tratado, e consideramos que a publicación deste libro é unha maneira para poder visibilizar o problema dos abusos na infancia.
Descubrimos tamén o novo libro de poesía que vén de publicar o noso compañeiro Diego Cousillas. O seu título é G, e o propio autor deunos unha pincelada do que é a poesía experimental e explicou certos elementos que aparecen no seu libro, como é a Greguería, o haiku, o caligrama, ou a poesía tipográfica, entre outros.
Ademais de falar de lecturas, tamén avanzamos algunhas ideas e proxectos que temos en mente para a conmemoración do Día das Letras Galegas 2025, xa que o alumnado do Club de Lectura Larpacontos ESO ten moitísimo potencial creativo e artístico e sempre é voluntarioso á hora en participar en diferentes iniciativas.
Antes de rematar a reunión utilizamos uns minutiños para falar do cartel do Día do Comic (17 de marzo 2025), creado por Bea Lema, a autora de Cuerpo de Cristo, Premio Nacional do Cómic 2024, no que volve a apostar pola súa característica técnica del bordado.
O mércores 5 febreiro 2025 reunímonos na biblioteca o alumnado e profesorado participante no Clube de Lecturas Larpacontos ESO. Entre diferentes temas abordados na reunión, entre os que cabe destacar a promoción de diferentes concursos literarios, tratando de animar ao noso alumnado a explorar as súas dotes creativas e experimentar coa escritura, tamén estivemos analizando as lecturas recomendades entre as preferencias lectoras deste mes. Gran parte do tempo ocupounos falar do libro A historia de Sara, de Francisco Castro, unha lectura xa realizada en anos anteriores e coñecida por algúns membros/as do clube de lectura, a cal decidimos entre todos retomar de novo, sabendo da complexidade do tema que aborda e as problemáticas de abusos na infancia e adolescencia.
O mércores 15 xaneiro 2025 realizamos unha nova reunión, tras varias semanas de vacacións de nadal. Os rapaces do clube, expertos en manga e en videoxogos, falaron da nova saga Sword Art Online (Reki Kawahara, Planeta Cómic), unha serie de anime que narra a historia dun videoxogo de realidade virtual (VRMMORPG) chamado Sword Art Online, onde os xogadores quedan atrapados e non poden saír ata que superen o xogo. Queda anotado para as nosas próximas adquisicións. A mediadora informou aos membros do clube da imposibilidade de mercar La tumba de las luciérnagas (Akiyuki Nosaka, Editorial Acantiladl), un dos libros elixidos na votación de preferencias lectoras, xa que está descatalogado e non se atopa nas librarías.
Parte da reunión empregouse para comentar as dúas últimas lecturas, Cuerpo de Cristo (Bea Lema, Astiberri Ediciones) y Soy de Pueblo. Manual para sobrevivir en la ciudad (Moderna de Puelbo, Editorial Lúmen). Ambos libros tiveron moi boa acollida entre os/as lectores/as, a pesares de que o primeiro é unha obra que aborda un tema moi serio (a saúde mental) e o segundo é un manual desenfadado escrito en clave de humor.
Houbo tempo para promover diferentes concursos e premios literarios, como premios literarios Minerva (Colexio Peleteiro), XXI Premio “El Brocense” de microrrelatos (Diputación Provincial de Cáceres), animando á rapazada na práctica da escritura. Tamén se presentaron dous proxectos que se van desenvolver no noso centro (Falamos+ e Rede Compás), motivando ao alumnado do clube de lectura a participar activamente neles, tendo en conta o seu enorme potencial e a súa capacidade de traballo en equipo e cohexión.
Para finalizar a reunión varios alumnos/as comentaron que varios libros da biblioteca non teñen a etiqueta axeitada, e que polos contidos abordados non son axeitados para a lectura de nenos/as de primaria. Transmitirase esta información á coordinadora da biblioteca escolar.
O mércores 18 decembro 2024 realizamos a última reunión do Club de Lectura Larpacontos ESO deste ano 2024, moi contentos pola posibilidade da incorporación de dous novos membros no club, alumnos/as de 3º e 4º ESO. Medra así o club e teremos a posibilidade de enriquecer con diversidade, sumando ideas, proxectos, soños. O profesor de Lingua Galega, Diego Cousiñas, que forma parte do club de lectura, animou aos membros/as a participar en diferentes concursos literarios, xa que ademais da lectura, varias das persoas que forman parte do club teñen dotes creadores. Falamos tamén da posiblidade de instaurar o tempo de lecer dos mércores que non temos reunións do club de lectura como unha actividade paralela na que igualmente podemos utilizar a biblioteca escolar para realizar diferentes obradoiros ou xuntanzas, alternando actividades variadas. Falamos tamén dos avances das nosas lecturas, sobre todo daqueles que seguen a ler ou xa remataron o libro de O Xabaril Branco, de Tucho Calvo, e falamos da posibilidade de que este autor viñera ao noso centro a falar da súa obra. Outro punto do día foi decidir a vindeira lectura a realizar, e por votación saiu a saga Sword Art Online, do nipón Reki Kawahara. Pensando da proximidade das vacacións realizamos por último o empréstito de as novas lecturas Soy de pueblo: manual para sobrevivir en la ciudad, de Moderna de Pueblo; y El cuerpo de Cristo, de Bea Lema. Seguro que xa nas nosas casas e con máis tempo libre poderemos avanzar e disfrutar das nosas lecturas. Felices Festas e vémonos no 2025!!
Alumnado do Club de Lectura Larpacontos. Mércores 11 decembro 2024. Aproveitamos as nosas reunións alternativas do Clube de Lectura (os mércores que non temos reunión "oficial" do clube de lectura") para potenciar a nosa creatividade e gozar construíndo manualmente elementos de nadal que decorarán o bonito espazo da Biblioteca Castelao. Agradecemos a axuda da nosa profesora de galego, Rocío Prego, que foi quen organizou esta iniciativa de "obradoiro de decoración de nadal".
Aínda que as reunións "oficiais" do Club de Lectura Larpacontos ESO realízanse os mércores cada quince días, os rapaces/zas que forman parte do club decidiron reunirse igualmente os outros dous mércores do mes que quedan libre para utilizar este tempo de lecer para actividades relacionadas co club de lectura. Por unha banda temos a un grupo de rapazas que están facendo bocetos e ilustracións para utilizar na decoración dun armario que temos para os libros adquiridos polo Club de Lectura, e tamén para publicar na revista escolar que estase a elaborar en 1º da ESO. E por outra banda temos a dúas rapazas que adican este tempo á escritura creativa, redactando (tanto de maneira manual con bolígrafo e papel como de maneira dixital cun procesador de textos) diferentes historias que posiblemente vexan a luz nesa revista escolar Teen Side que sairá a final de curso. Parabéns a estas persoas por desenvolver estas actividades tan enriquecedoras. A escritura creativa e a ilustración, integradas na educación, potencian a imaxinación, a expresión escrita e oral, e o pensamento crítico dos estudantes. A combinación de ambas as disciplinas permite aos alumnos conectar coa aprendizaxe dunha forma máis lúdica e significativa, fomentando a creación de historias e a exploración de diferentes formas de expresión
A cuarta reunión do Club de Lectura Larpacontos da ESO levouse a cabo o mércores 4 de decembro 2024, nesta ocasión contando coa incorporación dunha nova docente (sendo agora catro os/as profesores/as que se animan a participar nesta iniciativa). Foi unha reunión moi aninada e dinámica, centrada principalmente no libro O Xabaril Branco (do autor Tucho Calvo coas ilustracións de Miguelanxo Prado), obra que está tendo éxito entre os lectores e que ademais serve para iniciarse na lectura en galego a algunha das alumnas que procede do estranxeiro. Os/as que xa están a ler este libro deron algunhas pinceladas (iso si, sen facer spoiler), sobre as aventuras de Tucho, un rapaz que inicia unha viaxe desde os Ancares ata Arxentina, onde coñecerá a muller da súa vida e presenciará a dureza da conquista das terras dos indios araucanos. Moi interesantes foron os comentarios de Diego Cousillas Novo, o profesor de lingua galega, que comparou este libro cos grandes clásicos da literatura (Jack London coa natureza máis salvaxe dos paraxes de Norteamérica ou Melville coa busca do leviatán).
E pensando xa na escolla das seguintes lecturas a efectuar no mes de decembro, os/as participantes do club votaron a súa preferencia en relación aos libros Moderna de Pueblo e Orgullo y Perjuicio, e tamén presentáronse as sagas de manga Sword art Online y Los 7 Pecados Capitales, para ir investigando e facer unha elección á volta das vacacións de Nadal. Na rolda de recomendacións saíron títulos como O que nunca che contaron, La tumba de las luciérnagas, Cuentos en verso para niños perversos, Cuánta Tierras necesita un Hombre, Una vida sin salud mental, entre outros. Paula Cadaveira, a profesora de CCSS, presentou o comic Tintín en el Congo, unha lectura recomentada para o alumnado de 4º ESO que está a abordar o colonialismo, comentando a polémica da reedición desta obra de Hergé. Cuerpo de Cristo, de Bea Lema, foi outro dos libros que se abordaron nesta reunión, xa que é unha obra que se están a ler os profesores/as integrantes do Club de Lectura e que chamou moito a atención tamén dos rapaces e rapazas, non so pola súa estética, senón pola temática.
A reunión foi tamén un espazo para promover entre o alumnado iniciativas vinculadas coa lectura e os libros, como é o concurso de recitado Concurso Rosalía Sempre Viva.