Mércores 28 maio 2025. Hoxe é o último mércores do mes de maio, e iso implica que tamén é o último mércores do curso con tempo de lecer despois da hora de comer, xa que en xuño hai unha modificación do horario escolar. A reunión de hoxe foi a última, a de despedida, nun ambiente distendido e simplemente comentando e avaliando o noso paso por esta experiencia. Estamos todos e todas satisfeitos/as, e sabemos que queremos repetir para o curso que vén. E para aqueles/as que cursan 4º da ESO e están a piques de rematar a súa etapa educativa no CPI Virxe da Cela buscaremos algunha maneira para non perder o contacto e poder compartir o gusto pola lectura, aínda que sexa en formato online. De lembranza nos levamos un bonito chaveiro gravado co nome do noso clube de lectura, Larpacontos, un espazo non so para a lectura, senón para atopar persoas e crear conexións. Non vos esquezades pasar pola biblioteca no mes de xuño para elixir unha pila de libros para gozar nas vacacións de verán. Ata o vindeiro curso!!
viernes, 30 de mayo de 2025
miércoles, 21 de mayo de 2025
XVII XORNADA DE CLUBS DE LECTURA
A coordinadora do Club de Lectura Larpacontos asistiu o pasado mércores 21 de maio, á reunión anual do profesorado que coordina os clubs de lectura dos centros que participan no programa de CLUBS DE LECTURA, da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional. Celebrouse no Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia, en Santiago de Compostela, reunindo a máis de 500 persoas, entre participantes, relatores e persoas asesoras de formación do profesorado.
Entregouse o Premio dos Clubs de Lectura 2025, que desta vez recaeu na escritora Paula Carballeira por ser a autora galega máis lida nos clubs de lectura no curso 2023/2024, tal e como se recolle na Resolución do 22 de abril de 2025, que explica as particularidades deste premio, que xa recibiron Agustín Fernández Paz, Ledicia Costas, Miguelanxo Prado, Carlos Negro, María Reimóndez, Andrea Maceiras, Eva Mejuto, Antía Yáñez, Manuel Núñez Singala e Arantza Portabales.
A xornada comezou cunha conversa coa autora premiada e dúas profesoras integrantes dun club de lectura, continuou coa intervención do mediador, investigador, escritor e especialista en LIX Freddy Gonçalves; a profesora, investigadora e formadora Gualdalupe Jover; disfrutamos tamén dunha conversa arredor das redes que tecemos con librarías e bibliotecas públicas e de sesións simultáneas coa experiencia de dez centros integrados no programa. O peche da xornada deu voz ao alumnado que forma parte dos clubs de lectura nunha conversa moderada por Freddy Gonçalves.