miércoles, 10 de febrero de 2016

1ª LECTURA: Cando petan na porta pola noite, Xabier Docampo







"Cando petan na porta pola noite", este foi o título escollido para iniciar a andaina do Club de Lectura Larpacontos de 1º de ESO. Este libro é de Xabier Docampo.
A elección deste libro non foi azarosa se non que foi porque no mes de outubro tivemos a visita dun contacontos moi especial: Caxoto, que nos deixou con moitas ganas de ler para saber o final dunha historia. 


 Caxoto na actuación o pasado outono no noso centro

Neste enlace pódese ver a reseña da actuación no blog da biblioteca.

Cando petan na porta pola noite editouse por vez primeira no ano 1994 e foi reeditado varias veces, a última delas en febreiro do 2005.
O libro divídese en catro relatos; "O espello do viaxeiro", "O fornadas", "A loba" e "O cumpremortes". Cada un destes relatos conta historias diferentes, que o fin ó cabo, demostran principios ou traen algunha ensinanza agochada.

Xabier Docampo, falando da súa vida:
Nacín chairego e fillo de chairegos o 5 de abril de 1946 en Rábade (Lugo). Aos meus sete meses trasladámonos a Castro de Ribeiras de Lea, de alí era miña mai —meu pai de Xermar (Cospeito)—, onde fun por primeira vez á escola.
     Pasando por enriba da etapa máis interesante da miña vida, a infancia, no comezo da adolescencia a familia enteira trasladouse a vivir á Coruña onde estudiei o bacharelato e maxisterio, sen perder nunca o contacto coa Terra Cha a onde regresabamos en calquera oportunidade por curta que fose a estancia.
     Traballei como mestre en varios colexios e durante oito anos en Preescolar na Casa. Estiven sempre relacionado cos movementos de renovación pedagóxica.
     Pertencín ao Consello de Redacción da Revista Galega de Educación. Dei cursos a profesores e lin ponencias en congresos sobre a didáctica da lingua e a literatura, sobre a lectura e a súa implantación escolar e social, sobre a narración oral, a súa estructura, a súa influencia na literatura escrita e a súa utilización didáctica, tanto en Galicia coma fóra. Estas actividades de reflexión sobre da narración oral, a escritura e a lectura leváronme a participar como conferenciante en eventos sobre tales temas en América en diversas ocasións.
     Escribín libros de texto para a escola e textos de ensaio didáctico e pedagóxico.
     Fun actor e director de teatro. Traballei durante sete anos en Radio Nacional de España en Galicia como guionista e como director de programas de diverso tipo e formato. Tamén escribín e dirixín obras para vídeo e para televisión. Dei cursos a profesores sobre a utilización didáctica de ambos medios.
     Durante un tempo fixen diferentes actividades de narración oral en distintos lugares de Galicia e de fóra.
     Participei na creación da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (GALIX) na que pertencín durante cinco anos á súa xunta directiva, dous deles como presidente.
     Durante tres anos fun columnista semanal na prensa diaria.
     Polos meus libros déronme algúns premios:
     Premio "Feira do Libro de A Coruña, 1989", polo conxunto da obra narrativa.
     Premio "Emilia Pardo Bazán" do Ministerio de Educación.
     Premio "Rañolas 1994" á mellor obra de Literatura Infantil e Xuvenil en Galicia.
     "Premio Nacional de Literatura Infantil y Juvenil 1995".
     "Honourl List IBBY 1996".
     "The White Ravens 1997" de la Jugendbibliothek de Munich.
     Premio "Lecturas" da Asociación do Libro Infantil e Xuvenil de Galicia (GALIX) de 2004.
     "The White Ravens 2005" da Jugendbibliotethet de Munich.

Recuncho informativo do club de lectura

Opinións: 

Pareceume unha obra moi interesante e é moi entretida. Ainhoa Novo

Vídeo:
Este vídeo gravouse aproveitando o escenario dun cemiterio que tiñamos preparado na entrada da biblioteca co motivo do samaín. A idea tomámola do contacontos Caxoto, que comezou a súa narración do libro de Xabier Docampo cunha listaxe similar a nosa, e que asúa vez tomouna do epílogo do libro Cando petan na porta pola noite.
Os participantes son membros dos clubs de lectura.

             
    

3 comentarios: