E chegou o momento tan esperado: unha xornada compartida cos Clubes de Lectura do IES Eusebio da Garda (A Coruña) desfrutando de todo o que nos ofrece unha vila tan próxima, a de Betanzos. O programa foi variado, xa que quixemos aproveitar a ocasión para visitar diferentes espazos e proxectos. Como eramos moitos entre profesores/as e alumnos/as, dividímonos en dous grupos dunhas 30 persoas aproximadamente. Mentres no primeiro grupo se facía un roteiro literario e monumental pola vila betanceira, da man de Elena Carro, técnica de turismo do Concello de Betanzos, o outro grupo visitou a libraría Biblos e o Centro Internacional da Estampa Contemporánea. Carmela González Boo, responsable desta libraría betanceira, ofreceu unha interesante charla á mocidade describindo como é todo o proceso desde que un autor escribe unha obra ata que chega ás librarías, e agradeceu o interese deste público mozo na súa participación en iniciativas de fomento da lectura, como son os Clubes de Lectura. A rapazada tivo tempo de deleitarse mirando e comentando variados e atractivos exemplares, e algúns/has aproveitaron para facer algunha compra. Acto seguido fixemos parada no CIEC (Centro Internacional da Estampa Contemporánea), ubicado nun emblemático edificio modernista, e María Pena, unha das encargadas desta institución, ofreceu unha visita guiada moi didáctica, explicando as diferentes técnicas de gravado e presentando os diferentes espazos.
Ao mediodía tivemos un xantar conxunto no Parque Pasatempos, e aproveitamos para facer un pequeno acto simbólico de irmandamento entre os dous centros escolares e un intercambio de regalos. Foi unha xornada moi enriquecedora e esperamos poder realizar máis actividades cos Clubes de Lectura do IES Eusebio da Garda.
No hay comentarios:
Publicar un comentario