martes, 20 de junio de 2023

LECTURAS PARA O VERÁN

 Chegan as ben merecidas vacacións de verán. Rematamos o curso escolar, agora poderemos deixar dun lado as obrigas académicas e aproveitar ben o tempo de lecer. Veñen os longos días de verán para ir a praia, durmir longas sestas, e por que non, invertir o noso valioso tempo en algo que tanto nos apaixoa, a lectura. Por iso, desde o Club de Lectura Larpacontos queremos facer entrega aos seus membros de novas lecturas para as longas tardes de estío. 






lunes, 19 de junio de 2023

RUTA LITERARIA CON XESÚS FRAGA

O prometido é débeda, e que mellor idea que rematar o curso escolar e clausurar a nosa actividade co Clube de Lectura Larpacontos que vivindo unha experiencia diferente fora das aulas: unha ruta literaria por Betanzos da man do escritor Xesús Fraga. A través da mirada e lembranzas deste betanceiro nacido en Londres descubrimos non o Betanzos monumental dos condes e burgueses, senón un Betanzos máis humilde e non menos importante, ese pobo no que fai varias décadas Virtudes, avoa do escritor e protagonista da novela Virtudes (e misterios), Premio Nacional de Narrativa 2021, percorría para gañarse o pan e sacar adiante a súa familia antes de atopar na emigración o único remedio para saír da pobreza. Ese Betanzos que grazas á labor filantrópica dos Irmáns García Naveira puido ofrecer equipamentos públicos e institucións asistenciais a aqueles cidadáns que  como Virtudes vivían nunha situación precaria, así como o acceso á educación e á cultura: lavadoiro público municipal, escolas, residencia de anciáns, parque enciclopédico, etc. 

Esta viaxe a través das rúas de Betanzos serviu tamén para analizar a transformación non so dos espazos, senón dos costumes e maneiras de vida, e transmitir a unha nova xeración, os rapaces/zas do CPI Virxe da Cela de Monfero, información sobre os xogos da infancia, os bailes da mocidade, os oficios e saberes populares, isto é, o patrimonio inmaterial. Contribuiu tamén para isto o relato xa non do autor, senón da súa nai Isabel e as súas tías Elena e Leonor, protagonistas da novela, que participaron activamente na animada charla-coloquio realizada na libraría Biblos tras a ruta literaria. 











miércoles, 7 de junio de 2023

XORNADA COMPARTIDA CO CLUBES DE LECTURA DO IES EUSEBIO DA GARDA

O Mosteiro de Monfero foi un espazo ideal para coñecer aos alumnos/as e profesores/as dos Clubes de Lectura do IES Eusebio da Garda. Grazas á nosa profesora de CCSS, Paula Cadaveira, que o ano pasado impartía clases neste centro coruñés, os 3 alumnos/as e a coordinadora do Club de Lectura Larpacontos do CPI Virxe da Cela poidemos establecer novos contactos e sentar as raíces para futuras colaboracións. Ademais de gozar dos diferentes espazos exteriores e interiores desta fermosa peza do noso patrimonio, o Mosteiro de Monfero serviu como escenario para o recitado de poemas do Cancionero de Monfero de Álvarez Blázquez, unha pequena representación teatral, así como as explicacións sobre este monumento e o contexto histórico da súa construción. 






Se queredes ler unha crónica máis detallada da actividade, premede a seguinte imaxe:











lunes, 5 de junio de 2023

XORNADAS DE CLUBES DE LECTURA

A coordinadora do Club de Lectura Larpacontos do CPI Virxe da Cela asistiu ás Xornadas de Clubes de Lecturas realizadas en Santiago de Compostela o pasado luns 5 xuño 2023, en horario de 10:00 a 20:00 horas. Inaugúranse as xornadas coa entrega do Premio dos Clubs de Lectura 2023 ao escritor Manuel Núñez Singala, que ofreceu unha charla baixo o título "Teatro, lingua e humor". Acto seguido Felipe Munita falou sobre a mediación e a formación de lectores. Finalízase a mañá coa asistencia a mesas de experiencias simultáneas con temática variada, como "A banda deseñada nos clubs de lectura" ou  "A interactividade nos clubs de lectura". Xa en horario de tarde Carlos Martínez Uzal e Julio Abalde García explican o proxecto "Biblioterapia", prosiguen as mesas de experiencia simultáneas "Literatura e Natureza de Thoreau",  "Os audiovisuais nos clubs de lectura" e "O teatro nos clubs de lectura". O broche final corre a cargo da poeta Olga Novo Presa que nos fai reflexionar coa súa charla "A lectura do infinito".

Estas xornadas serviron tanto na vertente de formación para os coordinadores dos Clubes de Lectura, así como para o establecemento de colaboracións e futuras liñas de traballo conxunto. 


domingo, 4 de junio de 2023

ESTABLECENDO COLABORACIÓNS CON OUTROS CLUBS DE LECTURA

 O sábado 3 de xuño de 2023 a coordinadora do Club de Lectura Larpacontos participou nunha xornada literaria celebrada en Betanzos e organizada por varios clubs de lectura da zona. Consistiu nunha ruta literaria guiada polo escritor Xesús Fraga visitando os lugares da súa novela Virtudes (e Misterios), comezando no Lavadoiro Municipal, e rematando cunha charla-coloquio nun espazo con moito encanto, o cine Alfonsetti de Betanzos. Tamén participou e enriqueceu a ruta o bibliotecario e archivero municipal de Betanzos, Ángel Arcay Barral, aportando curiosa información histórica dos espazos visitados, así como da vida e obra dos Irmáns García Naveira, benefactores de Betanzos e responsables da construción de diferentes edificios visitados. 











viernes, 26 de mayo de 2023

10ª REUNIÓN CLUB DE LECTURA

Hoxe, venres 26 de maio 2023, celebramos a nosa décima e última reunión oficial do Club de Lectura ESO Larpacontos. Ademais de falar das últimas lecturas realizamos a valoración da experiencia de participación no Club de Lectura, e anticipándonos aos resultados do formulario de avaliación que cubriremos próximamente, temos todos/as moi claro que para o vindeiro curso... repetiremos!! Encantounos a experiencia. Pero isto non remata aquí neste curso... Durante o mes de xuño reunirémonos de maneira puntual cando atopemos o momento idóneo para preparar a nosa actividade final: o roteiro literario por Betanzos e a charla coloquio co escritor brigantino Xesús Fraga, autor da novela Virtudes (e Misterios), ambientada nesta vila das mariñas coruñesas.



viernes, 12 de mayo de 2023

9ª REUNIÓN CLUB DE LECTURA

 O venres 12 de maio de 2023 realizamos unha nova reunión no Club de Lectura Larpacontos. É final de curso, temos moitos exames e traballos, polo tanto menos tempo para ler, e diso deixamos constanza na reunión. Non obstante proseguimos, cada un ao noso ritmo, nas lecturas anteriores, vencelladas a Betanzos. Mais agora dámoslle unha volta á tortilla, e querendo tamén coñecer outras realidades, plantexamos como nova lectura La flor perdida del chamán de K. Un increíble viaje de los Andes a la Amazonia, de Davide Morosinotto, unha emocionante novela ambientada en Perú. Así tamén poderemos achegarnos ao país de orixe da nosa compañeira Karem, e por tanto facer o intercambio cultural máis equilibrado.