lunes, 19 de junio de 2023

RUTA LITERARIA CON XESÚS FRAGA

O prometido é débeda, e que mellor idea que rematar o curso escolar e clausurar a nosa actividade co Clube de Lectura Larpacontos que vivindo unha experiencia diferente fora das aulas: unha ruta literaria por Betanzos da man do escritor Xesús Fraga. A través da mirada e lembranzas deste betanceiro nacido en Londres descubrimos non o Betanzos monumental dos condes e burgueses, senón un Betanzos máis humilde e non menos importante, ese pobo no que fai varias décadas Virtudes, avoa do escritor e protagonista da novela Virtudes (e misterios), Premio Nacional de Narrativa 2021, percorría para gañarse o pan e sacar adiante a súa familia antes de atopar na emigración o único remedio para saír da pobreza. Ese Betanzos que grazas á labor filantrópica dos Irmáns García Naveira puido ofrecer equipamentos públicos e institucións asistenciais a aqueles cidadáns que  como Virtudes vivían nunha situación precaria, así como o acceso á educación e á cultura: lavadoiro público municipal, escolas, residencia de anciáns, parque enciclopédico, etc. 

Esta viaxe a través das rúas de Betanzos serviu tamén para analizar a transformación non so dos espazos, senón dos costumes e maneiras de vida, e transmitir a unha nova xeración, os rapaces/zas do CPI Virxe da Cela de Monfero, información sobre os xogos da infancia, os bailes da mocidade, os oficios e saberes populares, isto é, o patrimonio inmaterial. Contribuiu tamén para isto o relato xa non do autor, senón da súa nai Isabel e as súas tías Elena e Leonor, protagonistas da novela, que participaron activamente na animada charla-coloquio realizada na libraría Biblos tras a ruta literaria. 











No hay comentarios:

Publicar un comentario