miércoles, 4 de diciembre de 2024

CUARTA REUNIÓN CLUB DE LECTURA LARPACONTOS ESO. CURSO 2024-2025

A cuarta reunión do Club de Lectura Larpacontos da ESO levouse a cabo o mércores 4 de decembro 2024, nesta ocasión contando coa incorporación dunha nova docente (sendo agora catro os/as profesores/as que se animan a participar nesta iniciativa). Foi unha reunión moi aninada e dinámica, centrada principalmente no libro O Xabaril Branco (do autor Tucho Calvo coas ilustracións de Miguelanxo Prado), obra que está tendo éxito entre os lectores e que ademais serve para iniciarse na lectura en galego a algunha das alumnas que procede do estranxeiro. Os/as que xa están a ler este libro deron algunhas pinceladas (iso si, sen facer spoiler), sobre as aventuras de Tucho, un rapaz que inicia unha viaxe desde os Ancares ata Arxentina, onde coñecerá a muller da súa vida e presenciará a dureza da conquista das terras dos indios araucanos. Moi interesantes foron os comentarios de Diego Cousillas Novo, o profesor de lingua galega, que comparou este libro cos grandes clásicos da literatura (Jack London coa natureza máis salvaxe dos paraxes de Norteamérica ou  Melville coa busca do leviatán).

E pensando xa na escolla das seguintes lecturas a efectuar no mes de decembro, os/as participantes do club votaron a súa preferencia en relación aos libros Moderna de Pueblo e Orgullo y Perjuicio, e tamén presentáronse as sagas de manga  Sword art Online y Los 7 Pecados Capitales,  para ir investigando e facer unha elección á volta das vacacións de Nadal. Na rolda de recomendacións saíron títulos como O que nunca che contaron, La tumba de las luciérnagas, Cuentos en verso para niños perversos, Cuánta Tierras necesita un Hombre, Una vida sin salud mental, entre outros. Paula Cadaveira, a profesora de CCSS, presentou o comic Tintín en el Congo, unha lectura recomentada para o alumnado de 4º ESO que está a abordar o colonialismo, comentando a polémica da reedición desta obra de Hergé. Cuerpo de Cristo, de Bea Lema, foi outro dos libros que se abordaron nesta reunión, xa que é unha obra que se están a ler os profesores/as integrantes do Club de Lectura e que chamou moito a atención tamén dos rapaces e rapazas, non so pola súa estética, senón pola temática. 

A reunión foi tamén un espazo para promover entre o alumnado iniciativas vinculadas coa lectura e os libros, como é o concurso de recitado Concurso Rosalía Sempre Viva.







miércoles, 20 de noviembre de 2024

TERCEIRA REUNIÓN CLUB DE LECTURA LARPACONTOS ESO

Ademais das notificacións para as reunións que enviamos a través da aula virtual, o Clube de Lectura Larpacontos ESO está a editar uns marcapáxinas (editados en canva e plastificados) para repartir uns días antes da reunión e así ningúen se esqueza á cita. Nesta ocasión, como sabemos que varias rapazas son amantes dos gatiños, fixemos un recordatorio cuns simpáticos michiños. Iniciamos a reunión do clube realizada o mércores 20 de novembro de 2024 falando dos libros da autoría de dous membros do clube de lectura. Trátase de varias rapazas de 1º da ESO, que se uniron ao clube no presente curso, e ademais da lectura son unhas apaixoadas da escritura. Falaron das súas creacións: desce cando escriben, que temáticas abordan nas súas historias, quen son os seus escritores/ras referentes. Tamén temos unha compañeira que está interesada na ilustración. Desde o clube de lectura imos animar a estas persoas a que avancen na súa obra literaria e artística, ofrecéndolle a posibilidade vir á biblioteca os mércores que non teñamos reunión do clube para poder utilizar os ordenadores con programas de procesador de texto para proseguir na escritura, ou tamén avanzar nos experimentos de ilustración. O resto da rapazada que se anime a vir estes mércores, poderá proceder a restaurar e decorar un fermoso armario con rodas que serve para colocar os libros mercados polo clube de lectura. 

En canto ás lecturas comentadas, a obra Los Miserables, de Victor Hugo, centrou gran parte da conversa. O Clube de Lectura Larpacontos ESO xa tiña mercados varios exemplares en dous versións: por un lado a versión comic de Norma Editorial e por outra banda unha adaptación de Federico Villalobos publicada por Ediciones Mensajero. A mediadora do club de lectura, que imparte clases de música na ESO, solicitou que a biblioteca mercase o DVD da versión cinematográfica, e a estamos vendo a película dirixida por Tom Hooper co alumnado que cursa a optativa de música en 4º da ESO, xa que parte do alumnado pertence ao club de lectura. Tamén aproveitamos para comentar as aventuras de o Xabaril Branco, escrita por Tucho Calvo, un dos libros cos que iniciamos a actividad lectora neste curso 2024-2025. 





miércoles, 6 de noviembre de 2024

SEGUNDA REUNIÓN CLUB LECTURA LARPACONTOS ESO. CURSO ACADÉMICO 2024-2025

Mércores 6 de novembro de 2024. O libro Los Miserables de Victor Hugo foi o elemento que guiou esta segunda reunión do Club de Lectura Larpacontos ESO. Foi a proposta máis votada entre os tres libros que se recomendaron para dar inicio á nosa actividade de lectura neste novo curso escolar. Dispoñemos do libro en formato manga e en formato novela reducida, xa que o orixinal de Victor Hugo ten unha gran extensión e complexidade para a idade dos nosos lectores/as. Deuse un interesante intercambio de opinións coa intervención de todos os/as participantes, expoñendo o seu punto de vista, e desde logo, o que podemos afirmar é que a lectura deste grande clásico da literatura universal está tendo unha moi boa acollida entre os lectores/as. Deu tempo tamén nesta segunda reunión de ir facendo propostas para as vindeiras lecturas, partindo sempre desde os gustos persoais, pero tendo sempre en conta de que os libros elixidos sexan axeitados para as idades dos membros do club e que teñan un poso positivo e enriquecedor a nivel humano e educativo. 







lunes, 28 de octubre de 2024

PARABÉNS AOS LECTORES/AS NO DÍA DAS BIBLIOTECAS

Polo Día das Bibliotecas que se celebra o 24 de outubro, a Biblioteca Castelao homenaxeou aos lectores entregándolles uns agasallos aos rapaces e rapazas de EP e da ESO que máis libros levaron no curso 23/24. Parabéns! Especial mención para aqueles rapaces/zas que sodes membros do Club de Lectura Larpacontos da ESO, que estades entre os máis lectores do cole. 

Queremos dar a noraboa ás persoas que forman parte dos Clubes de Lectura do centro escolar, xa que é evidente que estas iniciativas potencian a motivación e o asentamento do hábito de ler. Exemplifican este feito os lectores homenaxeados na etapa da ESO, todos eles membros do Club de Lectura Larpacontos ESO, deste xeito convertíndose en referentes para os seus compañeiros e invertindo as estatísticas: está comprobado que na adolescencia os mozos mostran unha menor propensión á lectura en comparación coas mozas, cun maior déficit en hábitos de lectura, debido diversos factores(falta de interese polos temas de lectura, influencia da contorna familiar e social, falta de modelos, etc). Grazas a estes rapaces (Iván, Elías e Marcos) tal vez outros adolescentes se animen visitar máis a biblioteca e gozar das múltiples e variadas lecturas dispoñibles!








viernes, 11 de octubre de 2024

1º REUNIÓN CLUB LECTURA LARPACONTOS ESO. CURSO 2024-2025

O pasado mércores 9 de outubro de 2024 un grupiño de alumnos/as da ESO, acompañados por un par de docentes, reuníronse na biblioteca escolar para dar inicio ao Club de Lectura Larpacontos. Nesta primeira xuntanza tivemos a oportunidade de facer presentacións, sobre todo das novas persoas que se incorporan ao club, e tamén compartir cales son as nosas expectativas. Tivemos tempo de falar de posibles temáticas para ir elixindo a primeira das nosas lecturas. O que poidemos comprobar é que ademais do gusto pola lectura, varios/as dos/as integrantes tamén adican o seu tempo de ocio á escritura é ao debuxo, polo tanto esperamos que tamén podamos sacar partido a estos talentos e potenciar a súa creatividade e formación a través de obradoiros que podan ir xurdindo ao longo do curso. conforma 

A nosa idea é reunirnos quincenalmente os mércores na hora de lecer que hai despois do xantar (de 14:45 a 15:35). 




martes, 18 de junio de 2024

DIPLOMA LARPACONTOS

Quixemos facer un recoñecemento  ao  compromiso dos integrantes do Club de Lectura Larpacontos nun acto público que tivo lugar o último día de clase, o mércores 21 de xuño de 2024, a través da entrega dun un diploma acreditativo. Todo o alumnado e profesorado implicado nos tres clubes de lectura que se levaron a cabo no noso centro neste curso 2023-2024 (2º EP, 5º EP e ESO) levará para casa un diploma que recoñeza a súa participación e compromiso. Este acto de entrega se realizou na Biblioteca Castelao, coa presencia do coordinador da biblioteca e parte do equipo de bibliotecas e alumnado de varios cursos, que tamén presenciaron no mesmo acto a entrega de diplomas acreditativos da participación no programa Voluntariado na Biblio ou o lanzanzamento da revista Teen Side nº 2.








domingo, 9 de junio de 2024

ROTEIRO LITERARIO E MONUMENTAL POLA VILA DE BETANZOS

E chegou o momento tan esperado: unha xornada compartida cos Clubes de Lectura do IES Eusebio da Garda (A Coruña) desfrutando de todo o que nos ofrece unha vila tan próxima, a de Betanzos. O programa foi variado, xa que quixemos aproveitar a ocasión para visitar diferentes espazos e proxectos. Como eramos moitos entre profesores/as e alumnos/as, dividímonos en dous grupos dunhas 30 persoas aproximadamente. Mentres no primeiro grupo se facía un roteiro literario e monumental pola vila betanceira, da man de Elena Carro, técnica de turismo do Concello de Betanzos, o outro grupo visitou a libraría Biblos e o Centro Internacional da Estampa Contemporánea. Carmela González Boo, responsable desta libraría betanceira, ofreceu unha interesante charla á mocidade describindo como é todo o proceso desde que un autor escribe unha obra ata que chega ás librarías, e agradeceu o interese deste público mozo na súa participación en iniciativas de fomento da lectura, como son os Clubes de Lectura. A rapazada tivo tempo de deleitarse mirando e comentando variados e atractivos exemplares, e algúns/has aproveitaron para facer algunha compra. Acto seguido fixemos parada no CIEC (Centro Internacional da Estampa Contemporánea), ubicado nun emblemático edificio modernista, e María Pena, unha das encargadas desta institución, ofreceu unha visita guiada moi didáctica, explicando as diferentes técnicas de gravado e presentando os diferentes espazos. 
Ao mediodía tivemos un xantar conxunto no Parque Pasatempos, e aproveitamos para facer un pequeno acto simbólico de irmandamento entre os dous centros escolares e un intercambio de regalos. Foi unha xornada moi enriquecedora e esperamos poder realizar máis actividades cos Clubes de Lectura do IES Eusebio da Garda.