Queremos difundir unha información que nos chegou desde o departamento de Igualdade da Deputación da Coruña. Trátase de dúas novas iniciativas que estamos promovendo en colaboración coa Biblioteca Provincial da Coruña, o Club de Lecturas de Igualdade "Tinta e Equidade" e o Club de Lecturas de Diversidade Sexual "Páxinas de orgullo". Dous espazos para explorar, aprender e compartir a través da literatura.
"Tinta e equidade" é un club dixital de lecturas en igualdade de xénero que ten o obxectivo específico de promover entre a poboación un pensamento crítico sobre as desigualdades de xénero e crear un espazo de encontro para fomentar o diálogo e a reflexión sobre a igualdade a través de libros e historias. Un lugar para compartir ideas, aprender e inspirar cambios positivos na sociedade que lanzarase a partir do 7 de abril de 2025. Está moderado por Maitane Vicente Mariño, Traballadora social e libreira social.
"Páxinas de orgullo" é un club dixital especializado en lecturas LGTBiQ+ co obxectivo de visibilizar a importancia da tolerancia e a igualdade das persoas, independentemente da súa orientación sexual e identidade de xénero, e co propósito de normalizar e sensibilizar á sociedade sobre as diversidades sexuais. Este club estará activo a mediados do mes de abril. Está moderado por Nuria Vilán, Grao en estudos de Galego e Español.
Pertencer aos clubs dixitais "Tinta e equidade" ou "Páxinas de Orgullo" non ten ningún custo, está dirixido a persoas de mais de 14 anos, incorpora medidas de accesibilidade para persoas con discapacidade e está aberto a que podades usalo as 24 horas do día os 365 días do ano.
Instrucións para poder formar parte destes clubs de lectura dixital:
1. Faite socio/a da túa biblioteca municipal.
2. Date de alta na eBiblioDaCoruna: enche o formulario que atoparás aquí e agarda a que che enviemos unha mensaxe ao teu correo electrónico cunha ligazón, a través da cal podes establecer o teu contrasinal.
3. Entra na eBiblioDaCoruna aquí e identifícate co teu usuario (que é o teu correo electrónico) e o contrasinal. Tamén podes descargar a app dispoñible para Android, iOS e Huawei.
4. No menú da eBiblioDaCoruna (tanto na versión web como na app) atoparás o acceso a "Club de lectura e espazo de aprendizaxe". Preme nel.
5. Elixe o club no que queres entrar de entre os dispoñibles e preme en "Comeza a experiencia". A partir dese momento xa podes participar no club, ler o libro, comentar, compartir citas, etc.
Para máis información e inscricións, non dubidedes en visitar a páxina web da Biblioteca Provincial da Coruña.
No hay comentarios:
Publicar un comentario